Fun a Bertamiráns comer os churros á de Alba. Abrín El Mundo e púxenme a miralo. De repente, os ollos craváronseme nunha tristeza. Javier Ortiz, un dos poucos xornalistas críticos que nos quedaban do franquismo e da transición, finou onte dunha parada cardiorespiratoria nun hospital de Madrid. Era amigo meu. Dos de verdade. Non dos que che din que te queren moito e, en canto viras as costas, pregúntanlle ao primeiro que pasa onda eles como é posíbel que o que se acaba de ir aínda ande vivo pola rúa.
A derradeira vez que o vin esbardallamos durante dúas horas seguidas tomando unhas copas nos Reis Católicos de Santiago. El estaba coma sempre. Cheo de bo humor e de atitude crítica sobre todo o que nos arrodea. Daquela aínda escribía no diario en El Mundo, antes de pasarse a Público.
Javier Ortiz, como o canario José Luís Morales, o murciano Ignacio Fontes e poucos máis, era dos xornalistas da miña xeneración que souberon e quixeron aguantar o tipo contra Franco e contra os vicios da transición e da democracia. Ortiz era o máis alegre de todos. Sabía rirse ata de si mesmo. “Te acuestas siendo un triste socialdemócrata –escribiu hai poucos días en Público– y, por la mañana, cuando te levantas, resulta que te has convertido en un peligroso izquierdista. Como el tiempo transcurrido te ha pillado en la cama y durmiendo, deduces que la metamorfosis no puede ser cosa tuya, sino de los demás”.
A Javier gustáballe tanto escribir que ata escribiu o seu propio obituario porque non quería que llo escribise “calquera gacetillero inútil” que arruinase a súa morte “cunha necrolóxica burocrática de circunstancias”. Parece como se adiviñase cal ía ser o seu final: ”Y todo para acabar con algo tan vulgar como la muerte. Por parada cardiorespiratoria, como queda dicho. En fin, otro puesto de trabajo disponible. Algo es algo”.
Fóisenos un dos mellores. O home que unha vez militou en ETA, de onde rematou fuxindo como do inferno. O que tivo que refuxiarse en Burdeos primeiro e logo en París, e, grazas a iso, acabou enamorándose de Leo Ferré, de Barbara, de Juliette Greco,de Brel, de Brassens e de todos os cantantes que tamén me gustan a min. Non falamos disto ultimamente, pero estou seguro que agora tamén lle gustaba Madeleine Peyroux. Formou parte do Movemento Comunista de España e fundou a revista Saida, que dirixiu. Ortiz morreu pensando que a transicición española foi un fracaso porque a esquerda cedeu demasiado ante a dereita. Javier era iso, un crítico incorrutíbel. Ciao, amigo, permíteme que che diga, coa voz de Ferré, que "avant de passer l'arme à gauche, avant que la faux ne me fauche, tel jour tel heure en telle année, sans fric sans papier sans notaire, il est bien maigre l'inventaire de ce que que je mis de côté".
Perfecto Conde Muruais. Javier Ortiz. 29 de abril de 2009.
Comentar